A Banda Infantil da Escola Municipal de Música saíu por primeira vez á rúa para realizar un ensaio aberto na praza Maior de Lugo. Esta foi unha das actuacións programadas dentro do ciclo LUGO TEN MÚSICA que arrancou por iniciativa da Asociación de Usuarios da Escola Municipal de Música (Auesmu).
Segundo explicou o presidente da Auesmu, “quixemos sacar á rúa as accións formativas e didáticas que se desenvolven na escola para que a xente de Lugo poida ver, en directo, o traballo que se fai na Escola Municipal de Música”.
A Banda Infantil de Música está dirixida polo profesor Armando Morales e conta cuns vinte compoñentes que participan nesta formación despois de ter cursado estudos durante varios anos na Escola Municipal de Música. Armando Morales explicou que “o que vimos hoxe na praza Maior é exactamente o que facemos nos ensaios durante todo o ano nas instalacións da escola”.
O ciclo continuará durante este mes de abril levando concertos e actividades a puntos da cidade de Lugo e a outros da comarca. Así mañá, martes 25 ofreceranse clases abertas ao público de Pito Pastoril Galego na rúa, así como un ensaio aberto ao público do Grupo Didáctico de Pito Galego (todos eles no centro histórico de Lugo) e o día 30, con motivo do día do Jazz, actuarán a Big Band da Escola e Young Murajazz Big Band de Rábade na Praza de España de Rábade, ás 12:00 horas.