O Grupo Municipal Socialista de Vilalba vén de solicitar ao goberno local os informes técnicos de dúas pistas do termo municipal logo de criticar o seu mal estado pese a súa recente construción. A denominada como pista da Mica, situada entre as parroquias de Rioaveso e Oleiros, conta con máis de sesenta parches para tapar as fochancas existentes a día de hoxe malia ter investido máis de 65.000 euros fai catro meses, cando se dispuxo a súa construción. Os viais que se arranxaron na Área Recreativa da Madalena, polos que a Xunta investiu un total de 173.000 euros con cargo ao canon eólico, tamén contan con multitude de desperfectos “visibles para todos os usuarios que utilizan habitualmente as instalacións que comunican estas pistas”.
A voceira dos socialistas de Vilalba, Elba Veleiro, comenta que no vindeiro pleno se interesarán “pola calidade dos materias empregados nestas obras e pediremos os informes e certificacións”, pois subliñan a necesidade de “adecuar o elevado custe que supón a mellora e arranxo dos viais coa calidade suficiente para garantir que os veciños podan facer uso delas, posto que non entendemos que en tan pouco tempo presenten un nivel tan acusado de deterioro”, explica.
Os socialistas tamén fan mención da visita que a pasada semana fixeron o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ás instalacións da Área Recreativa da Madalena “para xustificar o gasto de 173.000 euros financiado con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, asegurando que consiste nunha mellora necesaria e en beneficio de toda a veciñanza de Vilalba, e acudindo ao lugar para comprobar o resultado dos traballos cando xa se observaban máis de dez parches ás poucas semanas do remate das obras”, aseguran. “Como xa nos teñen máis que acostumados, estas visitas só amosan a fotoxenia das autoridades galegas do PP, posto que a súa capacidade para cerciorarse dun bo investimento que repercuta no día a día dos vilalbeses e vilalbesas é nulo”, censuran.
Debido a isto, desde o PSOE de Vilalba indican que están á espera dos informes de ámbalas dúas obras, e que chegado ao caso, pedirán que se realice debidamente o traballo por respecto a todos aqueles que empregan estes viais públicos.