A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, destinará máis de 700.000 euros a restaurar catro cubos da muralla de Lugo. O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a licitación das obras nos cubos XIX e LXX, mentres que está xa pendente de adxudicación a intervención prevista nos LXX e LXXI. Ambos as dúsa intervencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80 %), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 6, prioridade de investimento 6.3, obxectivo específico 6.3.1 (contratación documentalmente simplificada).
Actuacións no XIX e LXXX
No cubo XIX desenvolveranse tarefas de desmontaxe, reconstrución do muro de cachotería de lousa e colocación de sopena de lousa sobre o mesmo. Ademais, escavarase ata o inicio das escaleiras existentes e executarase un novo recheo no adarve do cubo, que tamén se impermeabilizará. No caso do LXXX, as intervencións previstas consisten na retirada do pavimento do adarve e na demolición das lousas de formigón e area do recheo existente previa escavación arqueolóxica do paramento do cubo ata chegar á primeira lousa. Unha vez realizado este traballo, cimentarase, realizarase o recheo e formarase unha soleira.
Na obra desenvolveranse ademais actuacións de mantemento global na muralla durante o seu período de execución, tales como tratamento fitosanitario para a eliminación da vexetación, limpeza da pedra e retirada manual da vexetación, mantemento da instalación de iluminación do adarve, escaleiras orixinais, accesos e portas, e tarefas xerais de mantemento do monumento.Tamén se incorpora na documentación o proxecto arqueolóxico de Control e Escavación dos cubos XIX e LXXX así como o protocolo de control faunístico que deberá seguirse a nivel xeral e ao longo da execución das obras de restauración dos cubos
Tarefas no LXX e LXXI
No que atinxe aos cubos LXX e LXXI, a intervención prevista contempla diversas actuacións previas consistentes na instalación de apeos estruturais, a retirada da saburra compactada do remate superficial do pavimento, a demolición da lousas de formigón armado existentes a diferentes niveis e o baleirado de capas de areas entre as lousas por medios manuais.
Logo levaranse a cabo diversas actuacións de restauración, comezando pola escavación arqueolóxica do solo dos cubos, continuando coa execución da gabia e a zapata de cimentación para a construción dun muro e contrafortes de lousa con morteiro de cal e area.
Os traballos rematarán coa formación da soleira, a base de morteiro de cal e area, a colocación dunha lámina impermeabilizante de caucho de butilo entre xeotextís, que impida que se filtre auga, e a execución de capa protectora de morteiro de cal e area, a capa de arxila natural e a capa de remate saburra, repoñendo así o chan ao seu estado orixinal. A actuación contará con todas as cautelas arqueolóxicas e medioambientais precisas e terá un prazo de execución de seis meses.
O prazo de execución das obras será de seis meses.