O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este martes un encontro con 15 dos 94 mozos lucenses que inician hoxe a súa formación a través do LUGOWORK.
Trátanse dos rapaces que participan no curso de Socorrismo en espazos acuáticos naturais, que imparte a Cruz Vermella no Club Fluvial de Lugo. Campos Conde explicou que ademais destes 94, hai outros 40 mozos que xa remataron a súa formación e que están á espera de ser contratados. O Goberno a Deputación asume cun total de 2 millóns de euros que captou da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial tanto a formación dos rapaces como as axudas ás empresas para a súa contratación.
Con este presuposto, o Executivo Provincial puxo en marcha outras 6 accións formativas, nas que participan outros 94 mozos lucenses menores de 30 anos, inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil, e actualmente no paro.
Selección de empresas
O titular provincial avanzou que “ao longo desta semana publicaranse no BOE as bases de selección de empresas lucenses que recibirán un total de 168.000 euros para a súa contratación”. Os perfís destes 40 son o de auxiliar de vendas Online e atención ao público, auxiliar de Xestión Informática e Internet para PEMES e emprego eficiente e uso de maquinaria para o aproveitamento forestal.
As empresas lucenses terán un prazo dun mes para presentar as súas solicitudes. As beneficiarias recibirán axudas de 4.200 euros coas que asumir os custes laborais destes mozos durante 6 meses. As entidades interesadas poden facer a súa solicitude ata o 28 de maio incluído. Toda a información sobre as bases deste proceso, publicado no BOE, e o enlace directo para facer a solicitude telematicamente, atópanse nun espazo habilitado en www.deputacionlugo.gal.