Olalla Rodil, parlamentaria do BNG, asegura que o Goberno Galego “ten que asumir que o do viño é un sector fundamental e necesario para a Ribeira Sacra e ten que asumir tamén as súas responsabilidades para protexer ás persoas que apostaron por vivir do viño”. Con estas verbas, Rodil anunciou a súa visita á zona da Ribeira da Sacra para coñecer en primeira persoa os danos sufridos nos viñedos e a problemática á que se enfrontan os produtores a partir de agora.
O BNG secundará no parlamento galego a petición que xa foi trasladada, polos propios nacionalistas, á corporación de concellos como o de Pantón de que se considere a Ribeira Sacra, zona catastrófica.
Rodil explicou que “a afectación das xeadas tivo diferente incidencia dependendo das zonas, e que agora hai que traballar con celeridade para avaliar os danos e actuar naquelas áreas nas que é posible recuperar os cultivos”.
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ofreceu unhas serie de recomendacións aos viticultores para actuar no viñedo afectado polas xeadas da pasada semana e o dende o goberno galego deben establecerse, segundo afirma o BNG, os mecanismos de axuda para que no sector se poidan tomar medidas para tentar recuperar a produción. Para Rodil, é moito peor naquelas zonas nas que é inviable recuperar as viñas porque os viticultores perderán toda a produción polo que pediu axudas diretas.