O PSOE denuncia ao alcalde de Vilalba ante a Valedora por negarlle información

O Grupo Municipal Socialista vén de denunciar ao alcalde, Agustín Baamonde, ante a Valedora do Pobo por ter vulnerado o dereito á información no que atinxe a diversos asuntos da xestión municipal. Afirman que se lles negou información ata en tres ocasións, polo que se viron na obriga de trasladar a queixa ante esta institución para dar conta do incumprimento legal que supón a negativa do alcalde.

Nos últimos meses, desde o Partido Socialista de Vilalba solicitaron diversas informacións ao goberno local polas que non obtiveron resposta, tales como a copia dos reparos de legalidade emitidos por secretaría con respecto ao pagamento de facturas en concepto de gastos de protocolo reflectidos nas actas das xuntas de goberno do 21 e 28 de novembro de 2016. Recibiron o mesmo silencio administrativo ante a solicitude da copia das comunicacións escritas enviadas polo concello á mutua de accidentes “argumentando as razón da rescisión do contrato coa entidade”, subliña a voceira socialista Elba Veleiro. O feito agregado do traslado da queixa do PSOE ante a Valedora do Pobo foi a petición dunha factura en concepto de “comida conselleiro Política Social”, de novembro do pasado ano, cun custo de case 400€.

Parécenos intolerable que se nos negue o dereito de fiscalización ao equipo de goberno”, critica Veleiro desde a oposición da corporación vilalbesa, engadindo que “traballamos representando a moitas persoas que quererían saber en que se gastan os seus cartos, se no interese e beneficio de todos ou en comidas cos cargos da Xunta”. Ante esta situación na xestión dirixida por Baamonde “e a conseguinte vulneración do dereito recollido no artigo 77 da Lei Reguladora das Facendas Locais, esiximos que o alcalde cumpra coa súa obriga de outorgar toda a información que concirne aos servizos da corporación e ao desenvolvemento da súa xestión, pois non podemos permitir esta falta de transparencia como sexa do seu proceder totalmente antidemocrático”.

Finalmente, coa intención de que a Valedora do Pobo interceda nesta situación para garantir o pleno respecto á lei e ao dereito por parte “deste goberno local, vimos de solicitarlle por escrito que inste ao alcalde a facilitarnos a documentación esixida en tempo e forma logo de sobordar en reiteradas ocasións os cinco días naturais que recolle a lexislación “nun intento máis que evidente de ocultar asuntos que non queren que transcendan a toda a veciñanza”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com