Lugo dobra o número de taxis adaptados esixidos pola normativa galega

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e voceiro municipal, Miguel Fernández, presentaron esta mañá, diante do Vello Cárcere, os novos taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida dos que se disporá na cidade. Na presentación, os edís estuveron acompañados polo presidente de Radio Taxi en Lugo, Jesús Carracedo e o representante da Asociación Auxilia, Aquilino González, ademáis dos donos dos cinco taxis adaptados dos que xa se dispón na cidade.

Ana Gonzalez Abelleira destacou “o día de hoxe como un día importante para a cidade de Lugo” e dixo que “o Concello non se pode quedar atrás na accesibilidade”. Esta nova sitúa a Lugo na primeira cidade que non só supera o número de taxis adaptados precisados pola normativa galega que se sitúa nun 5% “senón que dobra esta cantidade”.

A concelleira asegurou que “Lugo precisa que todas esas persoas que teñan algún tipo de déficit no movemento teñan tamén todas as facilidades posibles para desprazarse pola cidade”.

Ademais, o Concello, na súa aposta pola eliminación de barreiras, tanto arquitectónicas como de garantir a igualdade nos servizos, dispón de axudas para os usuarios destes taxis adaptados, o denominado bono-taxi, e que cubre ata 800 euros por persoa e ano, a excepción das persoas empadroadas na zona rural, casos nos que o límite máximo é de 1.000 euros. Para estas axudas, o Goberno destinou na última convocatoria 9.000 euros.

Os taxistas quixeron agradecer tanto a Auxilia como ao Concello por esta iniciativa, e á Xunta de Galicia quen subvencionou dous dos vehículos. Os taxistas dixeron que se fan cargo desto porque ven “claro que é unha necesidade que se vaia prosperando”.

Jesús Carracedo, o presidente de Radio Taxi, agradeceu persoalmente ao Concello e afirmou que cooperarán no que poidan “para facilitar o seu desprazamento ás persoas con mobilidade reducida”. Carracedo asegurou que cada mes 70 persoas solicitan a través de radio taxi un destes vehículos adaptados.

Pola súa banda, Aquilino González mostrouse “contento e agradecido pola evolución dende a primeira vez que se presentou un destes taxis” e animou á xente a utilizar este transporte público que “é un paso máis de cara á igualdade das persoas”.

Aquilino González asegurou que cada día hai máis persoas con mobilidade reducida que necesitan dun transporte e desexou que o resto de transportes públicos como os autobuses deran tamén pasos de cara á accesibilidade, xa que “o aumento no número de taxis adaptados é un paso máis hacia diante pero, afirmou, aínda quedan cousas pendentes”.

“Cada metro de cemento pavimentado, cada rampa que se pon ou cada taxi que se pon é un metro máis de liberdade e de normalidade que é do que se trata”, asegurou Aquilino González quen concluíu que “o día que acabemos con todo esto, tiraremos cohetes pero aínda quedan unhas cantas cousas pendentes”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com