O BNG e Cidadáns abstéranse na votación polos orzamentos do Concello de Lugo, así o aseguraron Rubén Arroxo e Olga Louzao, voceiros destas agrupacións, esta mañá.
Con esta nova, e tras coñecer fai unhas semanas as mesmas intencións por parte dos edís de Lugonovo, os orzamentos do Concello corren certo risco de non seren aprobados dado que a súa aprobación pasa a depender do voto do Partido Popular, quen aínda non se pronunciou.
Ruben Arroxo asegurou que “non sería coherente, para nós, aprobar estes presupostos” cando o goberno local non cumpre coas condicións que os propios nacionalistas puxeron para que estes orzamentos tiveran o seu voto positivo.
Na asemblea aberta, que tiveron onte e na que participaron militantes e simpatizantes, un 75 % dos asistentes decantáronse pola abstención, mentres que un 25 % apostaron polo voto en contra. Con esta decisión “o BNG-AA mantén a súa coherencia, permite que se aproben os orzamentos e non se converte en cómplice duns presupostos que se presentan tarde, non se van executar e non servirán para que Lugo avance” afirmou Arroxo e engadiu “a situación en Lugo, durante este ano, foi a peor, as propostas do BNG foron ignoradas e non vemos un compromiso claro para mudar a actitude do goberno no relativo á execución e elaboración dos orzamentos”.
Arroxo sinalou que o BNG-AA fixera, no ano 2016, unha serie de propostas entre as que destacou “a zona pública de baño, a creación de aparcadoiros disuasorios en solares baleiros, a apertura dun aparcadoiro gratuíto no entorno do HULA, activación do servizo de préstamo de bicicletas, a construción de piscinas termais públicas nas inmediacións do balneario, a convocatoria das axudas de concorrencia para entidades culturais e a municipalización de servizos”. “De todas estas propostas non se fixo nada por falta de xestión e de intención, o concello está paralizado”, afirmou Arroxo.
O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo tamén afirmou que “non imos bloquear a posibilidade de que Lugo poida ter uns orzamentos para levar a cabo os seus proxectos e dote ás persoas dos servizos necesarios”. “As persoas que viven en Lugo pagan os seus impostos e o concello debe ter un orzamento para dar servizos e mellorar a cidade, por iso o BNG-AA vai a absterse igual que fixo o ano pasado”, concluíu Rubén Arroxo.
Pola súa banda, Olga Louzao, asegurou que non apoiará estes orzamentos primeiro “pola tardanza no comezo das negociacións”, e logo “pola reticencia a construir un colexio no antigo Cuartel de San Fernando”. Louzao asegurou que “o unico camiño que lle queda ao goberno municipal é someterse a unha cuestión de confianza para que estes presupostos saian para diante”.
Ante estas declaracións, a alcaldesa, Lara Méndez, asegurou que non se plantexa a opción de someterse a unha moción de confianza xa que, afirmou, “os presupostos tamén se poden aprobar estando en minoría” e reiterou que seguirá coas conversas e as negociacións cos cinco grupos da oposición para sacar adiante “os orzamentos máis inversores dos últimos anos”.