O Goberno da Deputación ofrece 12 prazas gratuitas para participar no Obradoiro de experimentación textil, impartido pola artista Sara Coleman, que se celebrará o 20 e 21 de maio no Centro de Artesanía e Deseño.
O Executivo Provincial achega, totalmente gratis, esta formación que no mercado ten un custo de 300 euros por persoa. Os interesados poden realizar a súa inscrición dende o 8 ata o 13 de maio en info.centrad@deputacionlugo.org, indicando o nome, dirección, profesión e teléfono. A selección de participantes realizarase por rigoroso orde de solicitude.
Este workshop complementa á mostra URPHÄNOMEN da artista, que está exposta ata o 28 de maio na Capela de Santa María.
Este obradoiro de experimentación textil está dirixido a creativos de calquera das ramas relacionadas coa arte e o deseño: deseñadores de moda, interioristas, escaparatistas, escenógrafos, artistas e artesáns que queiran desenvolver o seu traballo por medio de técnicas textis.
Durante as dúas xornadas, os participantes poderán profundizar nas relacións entre a arte, o deseño e a arquitectura, e xerar unha nova visión no textil, sinalándoo como material creativo e sensitivo que abre un novo campo para a experimentación de técnicas e procesos, onde o textil se sitúa como nexo fundamental.
A Capela de Santa María acolle a exposición URPHÄNOMEN de Sara Coleman, na que afonda nas relacións que se establecen entre corpo, materia e espazo; entendendo a arquitectura como proxección do corpo e o téxtil como interface, esta obra recolle as relacións que se dan entre o “hábito” e o “hábitat”.
O horario da mostra é de luns a venres de 10:30 da mañá a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11:00 da mañá a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.