Que os edificios municipais só consuman enerxía de orixe 100% renovable. Con ese obxectivo os edís e a edil de Lugonovo propoñen incluír esta premisa como un dos condicionantes de maior peso dentro dos criterios éticos que rexen os pregos de contratación da subministración eléctrica.
“Só sería necesario introducir o requirimento dentro das bases de adxudicación como unha das cláusulas sociais e ambientais prioritarias que esixe a prestación do servizo. O acontecido no Concello de Santiago demostra que é factible. Abastecer enerxía renovable supoñía un 25% dentro do prego redactado polos técnicos composteláns, o que motivou que as empresas que participaron no concurso o fixeran presentando ofertas cos máximos de enerxía renovable que podían proporcionar – explica Iñaki García. Así garántese que, pouco a pouco, se avance na obtención dunha distribución totalmente ecolóxica”.
O edil sinala que esta medida só precisa de vontade política para ser unha realidade tamén en Lugo e apunta outras iniciativas acaídas como a posibilidade de instalar nas dependencias municipais sistemas propios que dean cobertura ás necesidades de autoconsumo.
Na mesma liña a formación xa propuxo a principios deste ano unha modificación da ordenanza do IAE para bonificar a aquelas empresas ou establecementos que produzan e utilicen enerxía a partir de equipamentos renovables ou de coxeneración.
“Sería desexable, igualmente, poñer en marcha máis accións que promovan o aforro e a eficiencia enerxética así como ir renovando, de forma progresiva, as dotacións do parque móbil ata que toda a flota estea integrada por vehículos sostibles que non dependan para o seu funcionamento de combustibles fósiles”, suxire o concelleiro de Lugonovo.