A delegación territorial da Xunta en Lugo, acolleu esta mañá a presentación da I Feira de Artesanía de Vilalba que se celebrará os próximos días 6 e 7 de maio na capital chairega. Na mesma interveu o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que actuou como anfitrión, xunto ao alcalde da localidade, Agustín Baamonde, ademais do Concelleiro delegado de Turismo e Medio Ambiente, Amador Guerra.
A I Feira de Artesanía congregará a zoqueiros, cesteiros, torneiros, ferreiros, canteiros, e artesáns do liño, lá, coiro, xoias, téxtil ou madeira. Ofertará pezas orixinais, restauradas, curiosidades e apeiros de artesáns.
O horario para visitar a feira, que se celebrará na carpa instalada na praza da Constitución, será o día 6 de 11:00 a 22:00 horas, e domingo día 7 de 09:00 a 20:00 horas. A cita será aberta con entrada gratuíta para visitantes e parking gratuíto para expositores.