Ciudadanos non quere que a Comisión do Garañón sexa un foro de discusión sobre o pasado

A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, mostrou esta mañá o seu rexeitamento a que a Comisión do Garañón se convirta “nun simple fóro de discusión sobre o pasado”, co PP e o PSOE “enrocados en botarse as culpas mutuamente sobre o acontecido”. “Aos efectos de resolver o problema é indiferente de quen fora a culpa ou quen tivo máis, porque o que está claro é que os dous tiveron responsabilidade no Garañón, o PP por outorgar a eses terreos a edificabilidade máxima e o PSOE por tramitar todo o proceso de xeito ilegal, como veñen de ditar os tribunais, e sen ter en conta o interese público de toda a cidade”, afirma Olga Louzao que pide que a Comisión “avance nunha solución ao problema no canto de centrarse en discusións estériles sobre o pasado”.

Neste sentido, a voceira de Ciudadanos pide que a Comisión, na que teñen representación todos os grupos políticos da Corporación, “sirva para tomar as mellores decisións no momento presente e de cara ao futuro para a cidade e os seus habitantes” sen ter en conta “intereses partidistas ou herdanzas envelenadas”.

Olga Louzao explica que despois de que o Concello decidise non recurrir, a última sentenza que anula o Planeamento Incorporado da zona do Garañón ao Plan Xeral é firme, igual que as dúas anteriores que anulaban a urbanización e as licenzas, polo que a falta de que a Xunta publique a resolución da última sentenza no DOG, “xa se poden ir tomando decisións porque o escenario non vai cambiar” e invita ao resto de grupos políticos “a abandonar a loita partidista nun asunto de vital importancia para a cidade de Lugo e que pode hipotecar económicamente as arcas do Concello durante décadas”.

Ciudadanos tampouco comparte a negativa da alcaldesa a solicitar informes técnicos externos sobre o alcance das sentenzas e sobre as distintas posibilidades que hai en relación ao Garañón. Os cinco grupos da oposición (PP, Lugonovo, BNG, Ciudadanos e IU) apoiaron esta mañá esta petición na Comisión.

Olga Louzao argumenta que “independentemente de que os técnicos municipais emitan os preceptivos informes técnicos, non está de máis unha segunda opinión que axude a tomar as decisións pertinentes con total certeza e sen risco a cometer novas equivocacións, como xa aconteceu no pasado, segundo deixan patente as sentenzas do TSXG”, polo que Ciudadanos desconfía da actitude do Goberno e considera que “o feito de que a alcaldesa se negue a pedir eses informes externos, tal como solicitan os 5 grupos da oposición, que representan á a unha maioría aplastante da Corporación municipal, sementa unha sombra de dúbida sobre cuestións como a legalidade do convenio asinado no seu día por Orozco co promotor ou como se levou a cabo toda a tramitación posterior no Concello”.

“Se todo se está facendo ben e todo o que se aprobou no seu día foi legal, por que negarse a pedir un informe que avale iso”, pregúntase Olga Louzao, que di que “parece que a alcaldesa, presa polas decisións do seu partido e os seus antecesores neste asunto, quixese ocultar ou tapar algo”.

Pola súa banda, Lugonovo considera “aberrante” que a alcaldesa rexeitara a petición do resto dos grupos da Corporación para que se solicite un informe externo coa fin de obter unha “segunda opinión sobre a interpretación das sentenzas que afectan ao Garañón, á posibilidade de anular o convenio e ás posteriores solucións que poidan resultar acaídas”.

“Algún día teremos o documento que recolla o punto de vista co que a asesoría xurídica do Concello recomenda afrontar esta cuestión pero de momento non é así”, advirte Iñaki García. “Polo tanto, co que nos atopamos é cunha Comisión que só serve de relato explicativo dos feitos pero sen operatividade real”, lamenta.

O concelleiro da formación manifesta que a estas alturas do proceso xa debería existir primeiro un soporte documental, técnico legal, suficiente como para avaliar con rigor tódalas perspectivas do asunto e comezar a traballar na resolución do conflito. “Do contrario, sen ningún tipo de sustento xurídico, a reunión non deixa maior pegada que a de servir de tertulia política pero sen ningunha seguridade que lexitime os posicionamentos que xurdan no seu seo”, refire García Gómez. “A vocación desta Comisión difumínase no que é a teoría do seu obxectivo, porque sen argumentos legais fundamentados a nosa capacidade de propoñer alternativas queda ao arbitrio da vontade do goberno”, conclúe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com