Preto de vinte e cinco mil persoas asistiron o domingo á manifestación convocada por “Queremos Galego” en COMPOSTELA. Coido que a Xunta debería tomar nota e comezar axiña a solucionar un problema que se está a agrandar a pasos axigantados.
Os datos do Instituto Galego de Estatística son concluíntes: os nenos de entre 5 a 14 anos que só usan a lingua castelá pasaron en cinco anos de case o 30% a máis do 47% no período coincidente co goberno de Núñez Feixoo na Xunta de Galicia. É verdade que non se pode culpar só ao goberno, pero tamén que non todo vale para conseguir chegar a el. Como dicía, non só o goberno é o culpable, hai outros axentes que logo citaremos pero o goberno é o encargado de velar polo cumprimento das leis e, no tocante á nosa lingua, existe un clamoroso “Laisez fair, Laisez paser”.
Vou poñer por caso as concesións das frecuencias de radio autonómicas. Os pregos que fai a Xunta de Galicia para ditas concesións din, entre outras cousas, que o galego empregarase como mínimo no 50% da emisión, o cal coido non se cumpre en ningunha concesión, en primeiro lugar porque emiten en cadea dende Madrid e en segundo, cando o fan dende Galicia tampouco empregan o Galego.
Moitos mestres e profesores que incumpren sistematicamente a súas obrigas para co galego tamén son determinantes na percepción que os nenos teñen do noso idioma; ou a propia cidadanía que non esixe que se cumpran as leis.
Para mudar isto, necesítamos unha sociedade civil que se involucre moito máis na defensa da lingua, creando plataformas, observatorios, asociacións etc, á marxe dos partidos políticos para que a lingua non se utilice como arma política e sexa o que é, patrimonio de todos os galegos.
É posible que o descenso tamén teña que ver coa situación económica galega. Dende hai séculos somos un país deprimido económica e socialmente, con pouca autoestíma por mor das políticas que se nos impuxeron dende Madrid e isto incidiu de forma determinante na percepción do noso. O de fora sempre é mellor.
Pasan os anos e seguimos no furgón de cola mentres outras autonomías, a onde emigran os nosos paisanos, están na cabeza do ranking no nivel de vida e na renda per capita. En Cataluña e Euskadi non dan crédito ao ver como os propios galegos “pasan” do idioma, isto sería impensable nos nosos países, coméntanme amigos vascos e cataláns, e retruco eu, nin mesmo en España. Ou imaxinádesvos o que pasaría se aos madrileños se lles impuxese renunciar ao castelán para pasarse, por exemplo ao inglés, argumentado que é un idioma moito máis importante que o español?