O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Ourol, José Luís Pajón Camba, informou esta mañá do investimento que o Goberno Provincial achegou aos máis de 1.000 veciños deste municipio a través do Orzamento de 2016.
Foron máis de 364.000 euros os que se destinaron a mellorar as prestacións públicas no centro urbano de Ourol e, principalmente, no rural deste municipio. O Executivo Provincial levou actuacións a 7 das 8 parroquias deste Concello: Ourol, Merille, Miñotos, Xerdiz, O Sixto, Bravos e San Pantaleón de Cabanas.
O Alcalde avanzou que a través do Plan Único xa se contemplan melloras na oitava parroquia, a de Ambosores. Deste xeito, o Goberno da Deputación actuará na totalidade do rural deste municipio.
O Presidente e o Alcalde, acompañados de veciños da zona, supervisaron as melloras executadas nos accesos a 10 núcleos rurais das parroquias de Ourol, Merille e Miñotos, beneficiando, directamente, aos 500 veciños que viven nas mesmas. O Executivo Provincial investiu 64.000 euros no arranxo do firme das principais vías de comunicación destes núcleos rurais.
Campos Conde e Pajón Camba avanzaron que nas vindeiras semanas arriancarán novos traballos de mellora nos accesos viarios a 14 núcleos rurais de 7 parroquias, nas que residen 500 veciños. Para elo, o Goberno da Deputación xa achegou máis de 100.000 euros.
Con este orzamento, acondicionarase o firme das estradas a Mosende e Bidueiro, na parroquia de Ourol; Vilares e O Cargadoiro, en Merille; Zarza, Vilabuin e Piedrafita, en Miñotos; Vilaverde e A Igrexa, en Xerdiz; Lombao, no Sixto; Labrada e Fornos, en Bravos; Burgás e Ribeira do Vispo, en San Pantaleón de Cabanas.
Ademais de arranxar estradas municipais, o Goberno da Deputación mellorou 5,8 quilómetros de 3 vías provinciais, que discorren por este Concello.