A Deputación celebra o Día Internacional dos Museos con diferentes actividades

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este martes no Claustro do Museo Provincial de Lugo, a programación de actividades, que o Goberno da Deputación ofrece, de xeito gratuíto, durante o mes de maio, co gallo do Día Internacional dos Museos, que se celebra o vindeiro 18 de maio. Este ano o lema escollido polo ICOM Internacional, é Museos e historias controvertidas. Dicir o indicible en museos. Con esta iniciativa, o Consello Internacional dos Museos, busca que os Museos establezan un diálogo entre distintos interlocutores e exerzan un papel activo, e no seu caso reconciliador cos feitos e historias traumáticas, memorias feridas, do pasado.

García Porto destacou que “durante todo o mes de maio, o Goberno da Deputación, ofrece gratuitamente, actividades, obradoiros ou exposicións, dirixidas a todas as idades, co obxectivo de fomentar e impulsar o traballo que realizamos nos 4 museos da Rede Museística durante todo o ano, ao mesmo tempo que se dinamizan as visitas ás coleccións e salas expositivas”.

Ademais, dentro desta programación, contarase cun conxunto de traballos do debuxante galego Luis Davila, co fin de colaborar na promoción e difusión da obra deste artista pola provincia.

A Rede Museística da Deputación, súmase a iniciativa deste ano da ICOM, cunha proposta que ten como motivadores dese diálogo obxectos expostos no Museo Pazo de Tor cuxa interpretación puidera ser controvertida. Trátase de solicitar a axuda voluntaria da comunidade para discutir e compartir ideas en beneficio do colectivo. Un traballo interactivo, para obter a máxima información posible sobre os obxectos ou pezas que se sometan a discusión.

O Goberno da Deputación escolleu o Museo Pazo de Tor por tratarse dun museo monográfico, que conta con obxectos susceptibles de discusión en comunidade: fotos, medallas, vestiario de carácter militar, panfletos, folletos de propaganda de diferentes ideoloxías, mostras (cadros, postais, libros), produto de viaxes dalgúns membros da familia a lugares referenciais da burguesía pacega.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com