O candidato á presidencia do PP de Lugo, Ramón Carballo, anuncia que Enrique Rozas e Mari Teijeiro serán, respectivamente, as súas propostas para ocupar a vicepresidencia e a secretaría xeral da candidatura coa que concorre á dirección deste órgano, e que deberá ser aprobada polos militantes no Congreso do vindeiro día 26 de maio.
Neste senso, tal e como anunciara o pasado venres, o popular dá a coñecer así os primeiros integrantes do seu equipo. Os nomes do resto de integrantes faraos públicos no transcurso de dito encontro, que se celebrará no Pazo de Feiras e Exposicións.
Para o PP, tanto Rozas como Teijeiro destacan por ser dúas persoas cunha ampla dedicación e traxectoria no Partido e por posuír “un extenso coñecemento da política e da vida municipal”, debido aos distintos cargos que ocuparon nos últimos tempos e desempeñan na actualidade. Así o indica o candidato, quen se amosa satisfeito “por poder incorporar a compañeiros que senten o proxecto do Partido Popular”.
A este respecto, subliña que ambos os dous, “teñen unha gran entrega á Lugo e ao Partido, o que os fai merecedores do seu recoñecemento”.
Na actualidade, Mari Teijeiro é concelleira no Concello de Lugo e deputada provincial, así como membro da dirección do PP galego, como vicesecretaria xeral de Acción Social. Pola súa banda, Enrique Rozas, tamén edil do PP na entidade local, conta cunha ampla traxectoria neste eido.