O voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, anunciou esta mañá que onte mesmo quedou arquivada, por segunda vez, a querela interposta contra el por inxurias ao exalcalde López Orozco tralas declaracións feitas polo propio voceiro no xuízo do PXOM.
“Alégrome de que por fin se recoñeza a clara existencia de prexudicialidade penal de algo tan evidente como que che obriguen a declarar sobre exactamente os mesmos feitos no mesmo xulgado que o fixeche como testemuña. Sempre dixen que as declaracións públicas denunciadas por Orozco foron exactamente as mesmas que fixen en sede xudicial en calidade de testemuña, no marco da investigación penal aberta sobre o PXOM e o intento de pelotazo urbanístico en solo de especial protección forestal e agropecuaria nos terreos que rodean o Clube de Golf”, asegurou Portomeñe.
O voceiro de ACE-EU afirmou tamén que o auto da xuíza do xulgado número 2 “non deixa lugar a dúbidas”, e recolle o groso das declaracións do concelleiro, tralas que Orozco interpuxo a súa denuncia, aínda que “eu xa levaba meses criticando o seu papel como responsable máximo dun Plan Xeral fraudulento”, explica Portomeñe. “Non só aportei a miña visión do ocurrido, senón informes técnicos e actas municipais que apoian documentalmente o que afirmo”, quixo salientar.
Con respecto á devandita prexudicialidade penal, tamén quixo lembrar que a xuíza Pilar de Lara, encargada da instrucción da causa penal 2077 sobre a recalificación de Fixós e as irregularidades no Plan Xeral, vén de abrir dilixencias previas contra Orozco precisamente por un posible delito de obstrución á xustiza, por considerar que a interposición desta querela pode estar a ser utilizada como método intimidatorio do deber testemuñal que ten que cumprir Portomeñe.
O concelleiro de ACE-EU agarda que este arquivo sexa o último capítulo dun “culebrón esperpéntico” e sirva para pechar a “cortina de fume interesada” creada polo ex alcalde e centrar a atención na cuestión de fondo, “os anos e anos de corrupción e especulación urbanística impune, e o documento que encarna ese urbanismo irracional e pensado para o beneficio privado que levou á crise á maioría social traballadora lucense. Lugo segue hoxe a sufrir as consecuencias dun PXOM fraudulento e dese urbanismo agresivo”, precisou.
ACE-EU non cesará na súa loita por un novo Plan Xeral elaborado de xeito democrático e adaptado á realidade do municipio, que sexa respetuoso co medio rural e natural e pensado para a calidade de vida da veciñanza. Portomeñe aproveitou tamén para agradecer a tódalas forzas políticas, colectivos sociais e persoas particulares que lle amosaron o seu apoio dende que o ex alcalde iniciou a súa “persecución intimidatoria” contra él.