Esquerda Unida Lugo denuncia a intención da Xunta de mercantilizar o servizo de transporte escolar

Esquerda Unida Lugo considera que o afondamento na mercantilización do servizo de transporte escolar pretendida polo goberno da Xunta, que anunciou recentemente a súa intención de abrir as liñas escolares a calquera tipo de usuario, perxudica a calidade deste servizo que debería rexerse por criterios estritamente educativos e non de rendibilidade económica, e aboca a moitos itinerarios a súa desaparición por non resultar suficientemente proveitosos para as empresas de transporte.

Esta decisión afectará máis negativamente ás áreas xeográficas con máis dispersión poboacional e eminentemente rurais, como a provincia de Lugo, zonas que o executivo de Feijóo discrimina “unha vez máis, amosando un continuo desprezo pola cohesión e vertebración territorial”. De feito, existen moitos lugares do rural lucense que, a día de hoxe, levan tempo reclamando, sen resposta, unha parada de autobús para que os nenos e nenas que viven alí podan desprazarse con normalidade ata o seu centro docente.

A área de Educación de Esquerda Unida defende que o transporte escolar é un servizo público integrado no proceso educativo e non un complemento do mesmo. Xa non é que sexan as propias empresas de transporte as que diten en moitas ocasións o horario a aplicar nos centros, indo en contra mesmo dos mínimos criterios pedagóxicos, senón que agora perséguese que o seu beneficio se vexa duplicado.

“Con esta proposta, o que debera ser un servizo educativo básico cobra un carácter comercial ao poder usarse como se usan as liñas de transporte ordinarias. Deste xeito, córrese o risco de que as paradas acaben situándose nos lugares que sexan considerados pola empresa como máis rendibles e que desaparezan dos emprazamentos menos rendibles, desentendéndose así das necesidades reais do alumnado e das súas familias”, explica Isabel Sánchez, coordinadora comarcal de EU Lugo. “Por iso, esiximos que o transporte escolar sexa un servizo educativo xestionado desde as administracións públicas e non unha mercadoría coa que as empresas privadas especulen, pensando exclusivamente na súa balanza de beneficios económicos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com