A XXXV Feira do Libro chega a Lugo con trece stands de venda e máis de trinta actividades

Un total de 13 stands formarán dende mañá a oferta cultural da 35 edición da Feira do Libro, tanto de Lugo como de Galicia. Este evento conta ademais, na cidade, cun programa formado por máis de 30 actividades dirixidas a un público de todas as idades, como danza, presentacións de libros, obradoiros ou conferencias. Asemade, haberá sinatura de exemplares por parte de recoñecidos autores como Rocío López, Aída Soilán ou Pablo Núñez.

A maiores das casetas das librerías, que ofrecerán un 10% de desconto en todos os libros, a Deputación tamén instalará un stand con publicacións editadas polo organismo provincial, e a Fundación TIC, gravará a feira para promover e difundir o evento por toda a provincia.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Cultura, Pilar García, a Xefa de Coordinación de Cultura da Xunta, María José Gómez ,e os presidentes da Federación e Asociación de Libreiros de Galicia e Lugo, Pilar Rodríguez e Carlos Coira, respectivamente, presentaron este luns, na Biblioteca do Vello Cárcere, a 35ª edición desta Feira do Libro de Lugo, que arrincará mañá martes, e terá lugar ata domingo, en xornada de mañá e tarde, na Praza Maior.

Durante a presentación da nova edición desta feira, que en Lugo coincide coa celebración das Letras Galegas, Carmen Basadre subliñou a importancia desta cita, “para expoñer, difundir e dar a coñecer todo o que ten que ver coa lectura e co libro”. A edil convidou a toda a cidadanía a achegarse a esta feira, que se suma a outros actos organizados polo Concello para conmemorar o 17 de maio, un concerto dos orfeóns e corais da cidade, unha conferencia, ou un festival de danza, entre outras.

Pola súa banda, García Porto subliñou a colaboración do Executivo Provincial coa Feira do Libro de Lugo e de toda a provincia, realizando unha achega de 3.000 euros, co fin de enxalzar “un evento de gran tradición en Lugo, co obxectivo de apoiar e impulsar o traballo que realizan os libreiros, na nosa provincia. Quero pór en valor este tipo de iniciativas que achegan á cidadanía unha parte fundamental da nosa cultura, como é a literatura, ao mesmo tempo que impulsamos un sector tan importante como o editorial”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com