O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou hoxe o Plan de Humanización da Muralla 2017-2027. Arroxo, que estivo acompañado de militantes e simpatizantes, sinalou que “temos propostas serias para gañar a muralla e o seu entorno para as persoas” e “entendemos que para facer as cousas ben feitas hai que facelas con tempo, por eso propoñemos un plan a 10 anos vista”. Unha iniciativa para o pleno da corporación vehiculizará esta proposta para que se poida materializar dende o concello de Lugo.
Arroxo explicou que “o debate aberto na última época en Lugo demostra que a maioría da veciñanza apostaría por ter nun futuro unha Ronda da Muralla convertida nun espazo para as persoas e libre de vehículos”. Para o BNG-AA está claro que “con esto melloraría a calidade de vida da nosa cidade, na diminución de gases contaminantes e ruídos e na protección física da Muralla”. Precisamente a principal causa das fisuras que ten a Muralla se deben ás vibracións dos vehículos que por ela circulan, polo que se se quere conservar o monumento máis simbólico da cidade para as vindeiras xeracións, o BNG-AA asegura que se precisa de tomar medidas valentes e con visión de futuro.
Dende o BNG-AA apóstase pola humanización e peonalización total da Ronda da Muralla, sendo conscientes de que iso non é posible facelo de forma inmediata e que require dun plan de futuro, onde se estuden e se deseñen as alternativas de tráfico que serían precisas, onde se eliminen os tapóns urbanísticos existentes, onde se programen itinerarios de tráfico eficientes e onde se faga un plan para promover un transporte público eficaz e sistemas de mobilidade alternativos. Arroxo dixo que “estas cuestións son perfectamente viables con un proxecto claro de cidade, un proxecto no que se visualice o Lugo cara o que se queira ir nas próximas décadas, e a nosa organización ten totalmente claro que ese Lugo non é posible sen crear no espazo urbano sustentable”.