A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este martes a programación de inicio da actividade formativa do edificio de novas tecnoloxías, organizada polo Concello. Serán 150 prazas totalmente gratuítas en 10 obradoiros dirixidos a públicos de todas as idades, que se desenvolverán dende o 29 de maio ao 30 de xuño, nas recén estreadas instalacións deste centro, situado na Praza Anxo Fernández Gómez.
No acto, Rielo subliñou que se trata de “píldoras formativas curtiñas, para detectar tamén cales son as temáticas de maior interese da cidadanía e ir abordando nelas” Ademais, incidiu na excelente oportunidade que supoñen estes cursos para coñecer as vantaxes das novas tecnoloxías, mellorar as competencias dixitais e impulsar o desenvolvemento persoal no ámbito da tecnoloxía.
Entre as distintas alternativas de accións formativas que ofrece o Concello atópanse trámites electrónicos coa administración, iniciación á informática, utilización de smartphones, internet seguro, posicionamento web e seo, redes sociais, retoque fotográfico co smarphone, compra e venda online, e creación de aplicacións móbiles.
Inscricións
Para inscribirse nalgún destes cursos é necesario achegarse ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas.