O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe a función estratéxica das feiras do libro no obxectivo de “lograr a máxima proxección para a produción editorial galega”.
Balseiro participou na inauguración da Feira do Libro de Lugo, que abre o calendario de feiras na provincia, e destacou “o privilexio de que os lucenses, un ano máis, poidan celebrar o Día das Letras Galegas percorrendo as casetas e disfrutando das actividades programadas en torno á cultura”.
O delegado territorial explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación de Librarías de Galicia levarán este ano as feiras do libro a 16 localidades galegas, alcanzando a cifra máxima de participación da última década. Este incremento tamén se deixa notar na provincia de Lugo, onde se organizarán cinco feiras, unha máis que o pasado ano ao sumarse Mondoñedo.
Así, tras pechar a da capital, o domingo 21 de maio, terán lugar as de Mondoñedo, entre o 24 e o 26 de xullo; Viveiro, do 13 ao 16 de agosto; Foz, do 17 ao 20 de agosto; e Monforte de Lemos, que pechará a edición de 2017 entre os días 23 e 26 de agosto.
Ademais, indicou Balseiro, “o sector do libro galego participa, grazas ao apoio da Xunta, en eventos internacionais como as feiras de Bos Aires, Boloña, Frankfurt, e Guadalaxara, en México”. Igualmente, estará presente en Madrid na Feira Internacional do Libro (Liber).
O delegado sinalou que as feiras do libro de Galicia “contan cunha completa programación de diversas actividades para todos os públicos, apostando pola dinamización destes eventos”. No caso concreto da feira lucense, haberá presentacións de libros, actuacións musicais e visitas guiadas ás casetas, entre outras.
A Biblioteca Pública Provincial, que depende da Consellería de Cultura e Educación, participa cunha caseta propia na que ofrece unha mostra dos variados fondos bibliográficos de que dispón e da a coñecer as actividades que desenvolve durante todo o ano nas súas instalacións.
Como novidade este ano, a Xunta participa tamén a través de Artesanía de Galicia organizando un obradoiro infantil de encadernación, que se celebrará mañá a partir das 12 da mañá.