O grupo municipal do PP de Sarria amosa “o seu estupor” ante a nova publicada hoxe polos medios de comunicación, relativa á dimisión “en bloque” da asociación Sarria-Guerlédan por “falta de diálogo” co Concello. Neste senso, os populares consideran que, “unha vez máis, asistimos a un follón novo, que vén motivado pola nefasta xestión da alcaldesa”. E é que, segundo subraian, a relación entre o municipio lucense e o francés “forma parte xa da historia de moitas familias sarriás”.
Ata estes momentos, existía un forte vínculo entre ambas as dúas localidades, con numerosas actividades de confraternización que se viñan desenvolvendo dende o ano 98; data na que se materializou dita colaboración, e que foi renovada en 2014, durante o mandato do Partido Popular. Por iso, os populares lamentan que “o Goberno local acabe deste xeito cunha parte da tradición cultural local”, pois o irmandamento entre estas dúas rexións estaba previsto do 1 ao 7 de agosto.
“Pasará á historia por ser o peor Goberno de Sarria”
Por todo elo, consideran que “a xestión deste Goberno pasará, sen lugar a dúbidas, á historia por ser o peor que tivo ese Concello”. “A alcaldesa non deixa de buscar problemas, e faino de xeito unilateral, sen pensar o que é bo para os sarriáns”, denuncian. E é que, grazas a esta colaboración europea, se producían todos os anos intercambios culturais entre colexios e familias; “unha relación que, ademais, estaba por riba das siglas que gobernasen o Concello”, destacan dende o grupo municipal.
Deste xeito, lamentan que “fixese oídos xordos” á demanda da organización que, en febreiro deste ano, rexistrou un escrito na entidade local, a través do cal lle solicitaban unha reunión na que abordar conxuntamente o programa de actos.
Mediar para arranxar a situación
Dado o intenso vínculo cultural que supón dita iniciativa, piden á rexedora que “dea un paso atrás e deixe de lado as decisións ditatoriais e pense, dunha vez por todas, no interese común”. A este respecto, póñense a disposición da asociación para “intentar arranxar esta situación”. “Nós, sen embargo, non andamos enviando cartas a ninguén, nin a ningunha dirección de ningún Partido. O que queremos é poder restablecer esta colaboración para que os rapaces e as familias da Bretaña e de Sarria poidan seguir desfrutando desta confraternidade cultural e familiar”, conclúen.