Lugonovo pedirá explicacións ao goberno pola situación dos guindastres abandonados

Dous guindastres abandonados, nun aniñan as cegoñas e o outro dificulta a accesibilidade peonil. “Estas as funcións que compren estes dous guindastres abandonados, respectivamente, ao carón do río Miño, á altura da Ponte Branca, e en San Roque.

“Cómpre reflexionar – advirte Santiago Fernández Rocha –  que máis aló do curiosa que resulte a estampa, o feito de que a maquinaria se perpetúe nestas localizacións ten consecuencias. Por unha banda supón un considerable prexuízo estético que estas moles ocupen a cidade sen ningún motivo, afeando a paisaxe urbana e conferíndolle unha imaxe de desleixo absoluto. Por outra, non podemos esquecer que estes aparellos se deterioran co avance do tempo e que poden chegar a provocar algún accidente. Mais o verdadeiramente importante é que a súa presenza supón, a diario, un problema real para a poboación”.

 O portavoz de Lugonovo cre que o mellor exemplo desta situación dáse na Rúa Peña Anda onde, dende hai polo menos sete anos, mantense unha destas grúas. “É un auténtico obstáculo para os viandantes. Situada nun espazo intermedio entre dúas escalinatas, imposibilita utilizalas anulando, ademais, un dos itinerarios dispoñibles para chegar ao centro de saúde próximo”.

“Estamos a falar dunha zona especialmente complexa en canto á orografía. Toda esta contorna destaca pola súa pronunciada pendente o que, xa de por sí, dificulta moitísimo a mobilidade. Se a isto lle engadimos máis atrancos o resultado é unha cidade inaccesible”.

 Fernández Rocha relata que son continuas as queixas que a formación recibe por parte dos usuarios do ambulatorio deste barrio da capital. “A falta dunha pasarela que o comunique coas vías dos arredores, co que se atopa o peón é cunha xincana de escaleiras, sen beirarrúas de dimensións axeitadas e coa única opción de baixar ata Fontiñas para atopar un paso de cebra polo que cruzar. Un contexto no que deixar eternamente un guindastre atravesado, dende logo, non axuda”. 

O voceiro de Lugonovo anuncia que presentarán unha batería de preguntas para coñecer se o goberno ten constancia do número total de grúas que permanecen en desuso no municipio. “Queremos saber tamén se, tan sequera, estas instalacións se revisan algunha vez para comprobar que se manteñen en boas condicións de seguridade” – adianta Rocha – e “en todo caso, pediremos que se inicien canto antes os procedementos oportunos para a súa retirada definitiva, como xa fixemos coa ferramenta que se atopaba nas inmediacións do Garañón”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com