Un traballador faleceu esta tarde en Abadín mentres arranxaba un tractor. Segundo os datos facilitados ao 112, a vítima morreu esmagada pola propia máquina agrícola que estaba a manipular.
O accidente laboral tivo lugar nunha nave situada na parroquia de Quende. O home, que traballaba nun taller móbil, desprazárase ata alí para arranxar un tractor. Por causas que polo de agora se descoñecen, quedou atrapado debaixo da máquina, falecendo no mesmo lugar dos feitos.
Unha persoa particular explicou o ocorrido ao 112 Galicia ás 16:40 horas desta tarde. Acto seguido, os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informaron aos Bombeiros de Vilalba e a Urxencias Médicas. Ademais, tamén se informou do sinistro á Garda Civil.
Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago. Con todo, a intervención da aeronave quedou suspendida tras a confirmación da morte do mecánico.