O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide anuncia que trasladará ao pleno deste xoves unha proposta para que o goberno local dote á cidade dun modelo de aparcamento de balde que obrigue á rotación de vehículos en determinadas zonas urbanas do municipio.
En opinión dos populares, “é urxente tomar decisións ante a parálise e a improvisación do goberno local, que nos levaron a problemas no estacionamento que prexudican seriamente á mobilidade e á rotación dos vehículos”.
O vicevoceiro popular censurou que “a única decisión que os lugueses lembran da alcaldesa nestes dous anos foi a suspensión da ORA, da que a rexedora non avaliou as consecuencias que tería máis alá do afán mediático” .
Antonio Ameijide critica que “tras o acordo unánime de toda a oposición, o goberno local nin sequera foi quen de convocar a Comisión para a municipalización do servizo, promovida polo PP dende hai ano e medio”.
Os populares promoverán un acordo no vindeiro Pleno do Concello, no que, ademais, se proceda á liquidación do contrato coa anterior adxudicataria e se informe das repercusións que en materia de Persoal podería ter a decisión da alcaldesa.
Paralelamente, o vicevoceiro popular engade que, na proposta que trasladará ao pleno deste xoves, tamén figuran outros compromisos en relación á ORA como a suspensión da ordenanza fiscal que regula este sistema “e que, case dous anos despois da supresión do obxecto que grava, segue en vigor.