Cultura do País organiza por segundo ano consecutivo unhas xornadas adicadas á pequena edición, que terán lugar entre o xoves 25 e o sábado 27 de maio coa libraría Gato Neghro (r/ S. Roque, 32) como espazo central das actividades programadas.
As xornadas, que contarán cunha feira de publicacións con presenza da maioría das pequenas editoras galegas, comezarán o xoves 25 de maio ás 20:00 hs. cun encontro co escritor e xornalista Santiago Jaureguízar, que fará un percorrido pola súa carreira literaria.
O venres 26 de maio ás 20:00 hs. presentarase o proxecto editorial ‘Chan da Pólvora’, de Eduard Velasco e Alicia Fernández: unha libraría, espazo de creación e editora especializada na poesía xurdida no barrio compostelán de San Pedro. A presentación estará acompañada dun recital poético no que participarán os/as poetas lucenses Raquel López Cendán, María Xosé Fernández López, Isidro Novo e Martiño Maseda.
Posteriormente, ás 22:00 hs. no Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, 1 –baixo 5) terá lugar a inauguración da exposición foto-poética ‘Mulleres da Ribeira Sacra’, promovida pola Asociación Lucecús do Saviñao e Pantón, que consta de varias fotografías e poemas da escritora Amelia do Val.
As xornadas pecharanse o sábado 27 de maio ás 12:30 de novo no Gato Neghro, coa presentación do libro ‘O caso Quintana’, de Miguel Alonso, que realizará un concerto acústico.