A Deputada de Economía, Recadación, e Facenda, Mayra García Bermúdez, informou este mediodía sobre a entrada en vigor da nova Ordenanza do Servizo de Recadación de impostos municipais, que elaborou o Goberno Provincial para, mellorar a organización da prestación que a Deputación ofrece a 62 Concellos (todos os da provincia, agás O Incio, Negueira de Muñiz, Outeiro de Rei, Monforte de Lemos e Lugo, que ten medios propios) “para ofrecer facilidades aos veciños no pago dos seus impostos locais”.
García Bermúdez, apuntou que esta mellora na recadación se trata de “seguir na aposta de converter á de Lugo nunha Deputación máis social”. O executivo decidiu dar esta posibilidade aos concellos e aos veciños xa que entenden que “as administracións deben ofrecer facilidades que repercutan nun beneficio á cidadanía, por iso elaboramos esta nova ordenanza que está en vigor dende o pasado día 15 de maio”, explicou García Bermúdez.
Este servizo ofrece aos veciños o pago fraccionado do IBI, IAE e o Imposto sobre Vehículos de tracción mecánica. No caso de ter débedas inferiores aos 3.000 euros, os cidadáns poderán pagala en 12 meses e se a débeda é superior aos 3.000 euros, esta poderá aboarse en 24 meses; asemade, os veciños con dificultades económicas xustificadas, poderán solicitar un calendario provisional de pago.
Ademais, esta ordenanza fixa que non se esixirá un aval bancario mentres que a débeda non supere os 30.000 euros, límite que estaba establecido ata o de agora nos 6.000 euros.
Limitación nas poxas
En canto ás posibles poxas de ben inmobles por impagos, o Goberno Provincial fixa que non se poderá proceder á poxa dunha vivenda habitual o dun inmoble no que se realicen actividades agrogandeiras cando a débeda sexa inferior aos 4.000 euros sobre o que García Bermúdez asegurou que “contamos con máis de 24.000 persoas con débedas inferiores aos 4.000 euros que suman unha cantidade de 7,6 millóns de euros”, cando se traten de bens inmobles en xeral e as débedas sexan inferiores aos 3.000 euros tampouco se procederá á poxa.
Así mesmo, a ordenanza establece que non se procederá á poxa dun inmoble aínda que a débeda sexa superior aos 4.00 euros cando os informes de servizos sociais dos concellos determinen que a persoa está en risco de exclusión social ou en situación de precariedade.
Dentro das vantaxes para os Concellos, unha das medidas aplicadas polo Goberno Provincial no servizo de recadación é a redución do 3% que se lle retén aos Concellos ata o 1%. Neste senso, García Bermúdez destacou que “isto suporá un aforro de máis de 700.000 euros aos concellos”. Ademáis a deputación adiantará aos municipios, de xeito mensual, a recadación de impostos anual. Durante este 2017, “inxectaremos mensualmente nas arcas municipais destes 62 Concellos un total de 3,3 millóns de euros, conseguindo que os Concellos gañen liquidez e facilitándolles o pago”.