A Comisión de Festas do San Froilán 2017 reuniuse este mércores por primeira vez para avanzar nos preparativos destes festexos, que na pasada edición deixaron en Lugo 12 millóns de euros, calculando un gasto mínimo de 20 euros por persoa, ademais dunha ocupación hoteleira que colgou o cartel de completo.
Segundo informou ao final da xuntanza a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o San Froilán 2017 alongarase unha fin de semana máis, os días 13, 14 e 15 de outubro. Deste xeito, o feiral abrirá do 29 de setembro, ás 18:00 horas, ao 15 de outubro, e as casetas do polbo, do 29 de setembro ao 1 de novembro. A data da montaxe para as casetas do polbo será dende o 11 de setembro, e a das barracas, dende o 23 dese mesmo mes.
Na reunión tamén se deu conta de que está vixente o prazo para realizar o pago do importe ofertado polas atraccións, cuxo total debe estar aboado o 5 de setembro. Pódese facer en dúas quendas, o 50% en xullo e o 50% en agosto. Ademais, licitaranse 3 novos postos de venda e degustación (en Rodríguez Mourelo 87, Vila de Foz 79 e Camiño das Costas 132).
Casetas e caldeiros
En canto ás casetas e caldeiros de polbo, o Concello incautará a garantía definitiva a Bruxa Consulting S.L. por impago en prazo das taxas de dúas casetas e dous caldeiros. Así mesmo, a entidade local sacará de novo de maneira imediata a licitación as casetas e caldeiros desertos; e resérvase o dereito a esixir danos e prexuízos a Bruxa Consulting se a nova adxudicación quedase deserta ou se conseguise unha menor contía económica que a ofrecida por esta empresa para os tres anos aos que afecta a extinción. Dende o Concello afirman que cambiar as condicións dos pregos de contratación agora suporía, como mínimo, un agravio comparativo para o resto de adxudicatarios e aseguran que os pregos son correctos e axeitados e permiten ao Concello traballar coa suficiente previsión para sacar a licitación e adxudicar en tempo estas dúas casetas e dous caldeiros.