Ana Pontón visita a Ribeira Sacra e pide axudas para os viticultores afectados polas xeadas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, iniciou na Pobra do Brollón a súa xornada de traballo en distintos concellos da Ribeira Sacra onde anunciou que vai pedir a comparecencia da conselleira de Medio Rural para que explique as medidas da Xunta en relación aos danos causados polas xeadas nos sector vitivinícola, e avanzou que o BNG volverá levar ao Parlamento a solicitude de axudas directas para os produtores e produtoras afectadas.

“Non é de recibo que a máxima responsable das políticas de agricultura do Goberno se despache dicindo simplemente que o que é asegurable non é subvencionable, ademais dunha falta de respecto co sector, convén lembrarlle á conselleira que en campaña electoral o PP si puxo en marcha axudas”, criticou Pontón durante a visita a Pobra do Brollón.

Ao Bloque “non lle vale”, dixo, que a Xunta se quede en refinanciar créditos “porque ao final estamos alimentando o negocio da banca, pero non solucionamos o problema dos produtores”. Pontón lamentou que no pleno celebrado onte no Parlamento galego “todos os deputados e deputadas do PP votasen en contra dunha liña de axudas directas a un sector que é vital para esta comarca e para o conxunto do país”. O BNG vai seguir demandando esas axudas directas, recalcou, nesta xornada que tamén inclúe coñecer in situ no concello de Quiroga algúns dos viñedos danados. 

Na visita institucional ao concello da Pobra, a dirixente nacionalista puxo en valor a “intensa política social” que está a desenvolver o Goberno municipal que lidera o rexedor José Luís Maceda, á que destina o 24% do seu orzamento, máis de 400.000€. “Poucos concellos en todo o país teñen un investimento por habitante tan elevado adicado a mellorar a vida da súa veciñanza”, subliñou, “unha cuestión especialmente relevante nunha vila cunha poboación moi envellecida na que o 43% dos seus habitantes superan os 70 anos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com