O Pleno do Concello de Lugo aprobou 13 dos 25 lotes de facturas pendentes a través dos expedientes de recoñecemento extraxudicial de créditos. Todos os lotes contaron coa abstención de todos os grupos da oposición excepto do PP que deu o seu voto negativo a 12 lotes de facturas correspondentes a proveedores de servizos ao concello, entre eles están empresas como Cechalva, Gestagua ou a encarga do guindastre municipal e diversas asociacións culturais como Cántigas e Frores, Amigos de Guntín ou Lugo Rock.
O voceiro dos populares, Jaime Castiñeira expresou o seu descontento coa xestión do goberno socialista e explicou que “non aprobaremos todas aquelas facturas que consideramos gravosas ou prexudiciais para a cidade, e absterémonos naquelas que vacamos que hai algún proceso iniciado”.
Pola súa banda, a concelleira de Economía Ana Prieto pediu “coherencia, responsabilidade e sentidiño” á oposición no seu voto, posto que, para o executivo, “a postura máis lóxica sería a da abstención” e asegurou que dende o goberno local “fixemos todo o que estaba da nosa man para regularizar esta situación”, referíndose así á negativa do PP para apoiar en pasados plenos este recoñecemento.
Neste senso, Olga Louzao, voceira de Cidadáns, asegurou que o goberno local segue a perder credibilidade pleno tras pleno e acusounos de mentir, recordándolles que “pouco percorrido lles queda se xa nin os seus principais apoios, BNG-AA e Lugonovo, están do seu lado”.
Lugonovo, BNG-AA e o grupo mixto, ACE-EU, lamentaron en varias ocasións que o goberno local estea a converter un debate extraordinario en algo xa natural nos Plenos, e criticaron reiteradas veces a mala xestión do Concello en materia de economía.