O Presidente da Deputacion, Darío Campos Conde, recibiu hoxe aos 161 lucenses no paro que comezan a traballar, así como aos representantes das 145 empresas e colectivos sen ánimo de lucro de 51 Concellos da provincia onde o fan, a través do Ben Empregado 3, Máis social.
Trátase da terceira edición do plan de emprego do Goberno da Deputación, dotado de 2,5 millóns de euros e que xera postos de traballo de calidade. Financiase a contratación durante 1 ano de desempregados lucenses en empresas e colectivos da provincia. É máis social porque inclúe unha liña dirixida á contratación de persoas con capacidades diferentes, asúmese a dotación do equipamento necesario para o desempeño da súa actividade laboral e se incrementan as cláusulas sociais nos contratos para defender os dereitos dos traballadores, así como as medidas de control para garantilo.
Dese xeito, as cláusulas sociais xa se incorporaron na selección das entidades para primar ás de nova creación, ás impulsadas por mulleres, maiores de 45 anos ou por mozos de entre 16 e 35 anos. Tamén se favoreceu ás empresas e colectivos sen ánimo de lucro que propuxeron contratacións indefinidas, cursos de formación, medidas de conciliación ou melloras en canto aos convenios do sector. Ademais, excluíuse a aquelas que participaron nas dúas anteriores edicións do Ben Empregado que, tras deixar de recibir a subvención, non mantiveron aos traballadores.