É a única gran urbe romana de Galicia, pero lonxe de poñer en valor esta cualidade, a Xunta leva anos ninguneando o patrimonio arqueolóxico de Lugo. Esta é a valoración que fai Lugonovo tras acompañar ao voceiro de En Marea, Luis Villares, nunha visita ao Vello Cárcere. “Non é cuestión de perspectiva política, é a realidade – enfatiza o edil de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha – que se demostra co atraso que levan as obras do futuro Museo da Romanización”.
É precisamente a ausencia dun espazo no que aglutinar tódolos achados o que impide o tratamento idóneo dos mesmos.
“Neste intre, o Concello só pode dar conta da terceira parte do material existente. Unha colección que se lavou e gardou en caixas pero sobre a que non se puido traballar como é debido pola falta dunhas instalacións axeitadas”, explica o portavoz de Lugonovo.
O Vello Cárcere, a Casa da Xuventude e mesmo o Museo Provincial e o de Viladonga son algúns dos moitos inmobles, aínda que insuficientes, nos que se almacenan estos restos. Unha dispersión que chega incluso ás mans privadas e que urxe unificar.
“Agora mesmo non existe, tan sequera, ningunha memoria que recolla tódolos descubrimentos. Eso quere dicir, que se algo se perde, non quedará pegada del. Cómpre, polo tanto, aunar esforzos e dotar ao departamento de Arqueoloxía do máis básico: un recinto no que reunir tódalas pezas para poder clasificalas, ordenalas, inventarialas, informatizalas e custodialas adecuadamente”, apunta Fernández Rocha.
Tras consultar aos técnicos, os edís e a edil de Lugonovo cren que o Fogar de Santa María sería unha localización apropiada para este cometido. “Trátase dunhas dependencias que, polas súas dimensións e configuración, permitirían recompilar e examinar nun mesmo enclave todo o patrimonio. Mais esto non suple a imperiosa necesidade de expoñelo ao público, unha tarefa para a que é preciso que o proxecto de reforma do Cuartel de San Fernando se materialice canto antes”, subliña o voceiro quen tamén considera convinte a creación, froito da colaboración institucional, dun equipo multidisciplinar de profesionais, sostido con fondos autonómicos e municipais, que se encargue do seu estudo pormenorizado.