Un incendio calcinou esta madrugada unha casa deshabitada, en Friol. A vivenda destinábase a almacén e no seu interior había unha gran cantidade de leña, o que dificultou aos efectivos de emerxencia a extinción do lume.
Os feitos tiveron lugar no núcleo de Tordón, na parroquia de Narla. As lapas calcinaron por completo a propiedade, de dous andares. Segundo se lle indicou ao 112, o lume podería levar varias horas activo antes de que os alertantes se decatasen.
Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia á 1:00 horas desta noite para dar conta do incendio. Decontado, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse aos Bombeiros de Vilalba, ao GES de Guitiriz e á Garda Civil. A situación tamén se puxo en coñecemento de Urxencias Médicas, aínda que finalmente non houbo que lamentar persoas feridas.