O Goberno local do Concello de Mondoñedo lembra que está aberto o prazo de solicitude das subvencións destinadas a financiar os gastos derivados das actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas dentro do ámbito definido da Área de Rexeneración e Renovación Urbanas do Casco Histórico de Mondoñedo e Barrios Históricos de San Lázaro e Os Muíños.
O Boletín Oficial da Provincia do pasado xoves 18 de maio publicou as bases que regulan esta convocatoria, que se desenvolve ao abeiro dos acordos da comisión bilateral asinados entre o Ministerio de Fomento do Goberno de España, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo. As citadas bases establecen un prazo de dous meses para a presentación de solicitudes contados dende o día seguinte á publicación no BOP , é dicir, quen o desexe pode solicitar estas axudas ata o vindeiro 19 de xullo.
Neste eido, a alcaldesa pon en valor a importancia destas axudas dado a necesidade de manter “en bo estado de conservación a nosa cidade” ao tempo que explica que as bases desta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, establecen como beneficiarios os propietarios únicos de edificios de vivendas, as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e os consorcios e entes asociativos de xestión.
En canto ás actuacións subvencionables, as bases regulan a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en edificios e vivendas, instalacións fixas e equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos á normativa vixente. Poderán acollerse tamén ás axudas as actuacións xa iniciadas pero que non estean finalizadas a data da presentación das solicitudes. De igual xeito, poderán incluírse os honorarios dos profesionais, o custo de redacción de proxectos, informes técnicos e certificados precisos, así como os gastos derivados da tramitación administrativa, sempre que todos eles estean debidamente xustificados, excluídos impostos, taxas e tributos.
Ademais, na convocatoria tamén se establece que só se considerarán actuacións protexíbles aquelas que conten cun orzamento mínimo por vivenda rehabilitada ou que participe nos custos de rehabilitación dun edificio de 1.000 euros. Por último, no relativo á contía da subvención, por cada vivenda obxecto de rehabilitación establécese unha axuda máxima unitaria de 11.000 euros e o crédito orzamentario dispoñible é de 143.017,19 euros