O grupo socialista na Deputación deu o seu voto positivo á proposta feita pola voceira do Grupo Provincial Popular, Elena Candia, no seo da Xunta Xeral de Suplusa (Sociedade Urbanística Provincial de Lugo, S.A.), para que se realice un cambio na presidencia, tanto da Xunta Xeral como do Consello de Administración da entidade.
Elena Candia propuxo que os membros que forman parte da Xunta Xeral se dirixisen ao Consello de Administración e ao máximo responsable da sociedade para iniciar este trámite. Esta iniciativa contou co voto a favor de Manuel Martínez, recentemente incorporado como vicepresidente do ente provincial, así como do resto de representantes socialistas, e co voto en contra do BNG, polo que Darío Campos, presidente da Deputación, deixará de ser o presidente de Suplusa.
Os populares fixeron esta petición ante “a situación de parálise que atravesa a Sociedade”, polo que na reunión de hoxe trasladaron a urxencia de tomar esta decisión, que finalmente saíu adiante.
Elena Candia lamenta que “ao longo destes meses” os socialistas non foran capaces de tomar decisións tan relevantes como inscribir no RUEPSS (Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais) a Suplusa, o que é o paso previo á apertura das residencias de maiores da provincia nas que o Goberno da Deputación ten comprometidos 23 millóns de euros. “O presidente foi incluso máis alá e defendeu en sede xudicial que a institución provincial non ten competencias sobre estes centros”, recordou Candia.
Os populares consideran que Darío Campos actúa de xeito “irresponsable” ao ter culpado á xunta do retraso na apertura dos centros cando nos xulgados esgrime que a competencia para a prestación social dunha residencia da terceira idade é un servizo social especializado que en ningún caso é competencia provincial senón autonómica.
Por todo o anterior, os populares consideran que Darío Campos está deslexitimado para seguir levando as rendas da Sociedade Urbanística, polo que é necesario o cambio.