O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o presidente e a vicepresidenta da Asociación Cultural Airiños de Orbazai, Germán Gómez e Puri Carreira, respectivamente, presentaron este martes, no Salón de Plenos, a 7ª Foliada de Orbazai, que terá lugar este sábado, 3 de xuño. O Goberno do Concello e da Deputación colaboran con esta iniciativa posto que se enmarca dentro do seu compromiso polo impulso do rural e das tradicións culturais.
Durante a presentación, Miguel Fernández agradeceu a colaboración, o compromiso e o bo traballo veciñal de Orbazai por levar a cabo esta cita, xa consolidada no calendario lugués. Así mesmo enxalzou o seu compromiso coa cultura e tradición, “algo impagable polo que ten de potenciación do noso e de dinamización do rural, e das parroquias”.
Fernández aproveitou para convidar á cidadanía a achegarse este sábado ao campo da festa para gozar dun “cóctel atractivo de música, gastronomía, artesanía e dun entorno natural privilexiado”.
Programa
Ás 12:30 horas terá lugar a apertura dos postos de artesanía, no que se dará cita 10 postos de gaita, traxe tradicional, xoguetes, madeira e coiro, bordados, canteiría, ferrería, cuitelos e pan. Ás 14:00 horas celebrarase un xantar popular de polbo, churrasco, xamón cocido, empanadas e pan de Ousá. En xornada de tarde haberá actuacións musicais de Airiños de Orbazai, Banda de Gaites de Arume de Malvas, Os da Fonte do Frade e Asociación Cultural Río Miño. Para rematar a xornada, a asociación ten preparada unha degustación de produtos galegos.