O PP lamenta “o abandono” e “a mala imaxe” que presenta o patrimonio escultórico

A edil do PP de Lugo Encarna Amigo, ven de facer unha declaracións, logo de realizar unha “exhaustiva revisión” da obra escutorica espallada ao longo das rúas e prazas do municipio. A popular afirma que “a conclusión é clara”: o goberno local “non está á altura” do que merecen lugueses e turistas “e, sobre todo, os artistas lugueses e as súas familias”.

A título de exemplo, a concelleira detalla que “o goberno local nin sequera se molestou por darlle un mínimo lavado a obras de arte como a da Praza do Ferrol, nin tampouco en repoñer, despois de moitos anos, as pezas que faltan nalgunha do Parque de Frigsa”. “Son só dúas mostras do grao de abandono das esculturas”, que tamén se aprecia noutras pezas da zona de Fingoi.

Paralelamente, a edil popular denuncia que “pezas emblemáticas e senlleiras como son a da matrona ou a de Puchades en homenaxe ás vítimas da Guerra Civil continúan sen ocupar o lugar que merecen”. A ese respecto, Amigo ve “inxustificable” que o goberno local non se molestara “nin un mínimo” en recuperar a matrona extraviada que acompañaba aos leóns da Praza Maior. “Pasaron os anos e os socialistas deixan morrer esta lamentable perda pero o certo é que na memoria dos veciños segue moi vivo”, advirte.

Así mesmo, a popular asegura que “tan nula é a preocupación dos socialistas que en medio ano nin sequera foron capaces de devolver ao seu emprazamento orixinal a emblemática escultura de San Vicente reparada”. “De pouco serve a celeridade coa que a Xunta de Galicia autorizou a súa rehabilitación se, á hora da verdade, os socialistas se desentenden de que a concorrida Praza do Campo recupere un dos seus símbolos”, sinala.

Por último, Encarna Amigo censura que os socialistas “non só se desentendan do acordo plenario que promovemos dende o Grupo Municipal do Partido Popular para elaborar un inventario dos elementos escultóricos e o consecuente acondicionamento das pezas”, senón que tamén incumpren a Lei, que obriga á administración local ao correcto mantemento e conservación destas pezas. “É unha vergoña que Lara Méndez continúe, igual que o facía Orozco, tirando por terra a tarefa de escultores como Manuel Mallo, Juan Puchades, Paco Pestana, Víctor Corral, Villapol Parapar ou Juan Vila, por citar só algúns exemplos”, conclúe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com