Deputado relacions institucionais

A Deputación mellorará a estrada provincial de As Nogais a Pedrafita con 72.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe realizar melloras de 72.000 euros na estrada provincial que une As Nogais con Pedrafita de Cebreiro. Así o anunciou esta mañá o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, quen explicou que se trata do acondicionamento da LU-P- 3701, das Nogais por Pintinidoira á LU-P- 4504, o que supón un treito de 4,7 quilómetros. Os traballos consisten na rehabilitación do firme; reforzo da sinalización; incremento da seguridade coa instalación de biondas e mellora do sistema de drenaxe.

Santos Ramos asegurou que “estas actuacións benefician aos centos de veciños que empregan esta vía que une As Nogais e Pedrafita; e de xeito directo a 50 familias, que son as que viven nos núcleos rurais polos que discorre o treito que imos a arranxar, e que son os de Fonfría, Busgulumar e A Lagúa, todos eles na parroquia de San André, nas Nogais”.

Ademais, o Goberno Provincial acordou reinvestir 47.000 euros que conseguiu aforrar das obras de mellora do Camiño A, no Concello de Lourenzá. Eran 150.000 euros os que o Executivo destinou á mellora de case 3 quilómetros deste vial, beneficiando, directamente, aos 1.000 veciños que viven na zona e que, finalmente, se contrataron cuns 100.000 euros, o que permite realizar máis melloras neste municipio da Mariña.

As actuacións consisten no arranxo do firme da estrada municipal do Pazo de Tovar á Igrexa de Santo Tomé. Trátase dunha zona na que viven máis de 500 familias e que conta cunha importante actividade agrogandeira.

Asemade, o ente provincial aprobou tamén a ampliación en 45.000 euros do orzamento do Musiqueando pola provincia, que acada os 145.000 euros, tendo en conta “a avalancha de solicitudes rexistradas ao abeiro desta programación coa que impulsamos a música tradicional da provincia”. De feito, foron máis de 280 peticións feitas por parte de Concellos e asociacións de toda a provincia, que queren actuacións de música tradicional, de bandas ou corais. Son un 17% máis que no 2016. A previsión é resolver, nas vindeiras semanas, esta programación cultural coa que se poderán financiar unhas 210 actuacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com