Os alcaldes do PSOE deciden non acudir a un acto da Xunta de presentación do Plan de Mellora de Camiños

Todos os alcaldes do PSOE decidiron hoxe non acudir a un acto de presentación do Plan de Mellora de Camiños Municipais da Xunta de Galicia porque consideran “unha burla do Partido Popular que recolla unha redución de máis de 6 millóns de euros con respecto ao ano pasado que van deixar de recibir todos os nosos veciños”.

En nome dos rexedores socialistas, o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, denunciou que o ano pasado a contía do devandito plan, que serve para arranxar os camiños municipais, ascendeu a case 5,4 millóns de euros, mentres que este ano e o que vén se reduce en case un 62% con respecto ao 2016. É dicir, máis de 6 millóns de euros de recorte para os 67 concellos da provincia.

Os alcaldes socialistas inciden en que este recorte deixa en situación moi grave a moitos concellos xa que, nalgúns casos “esta axuda é a única que reciben por parte da Xunta e pode chegar a supoñer ata o 50% do seu capítulo de inversións”.

Maseda destacou que o novo plan que contempla a Xunta é bianual. Isto significa que os concellos non só reciben unha cantidade de cartos máis baixa que o ano anterior, senón que teñen que repartila en dous anos. “É a dobre rebaixa do Partido Popular cos nosos veciños: menos cartos e por riba a repartir en dous anos”.

Os alcaldes socialistas afirman que levan anos sendo respectuosos cos actos organizados na provincia pola Xunta de Galicia, pero aseguran que xa están fartos de que “nos chamen só para facer unha foto e, a renglón seguido, saír coas mans baleiras”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com