O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o seu partido solicitará que a rúa Primavera recupere o doble sentido de circulación no tramo entre a rúa Paxariños e o Carril das Hortas. Arroxo apuntou que “despois de que o BNG-AA conseguira o arranxo do aparcadoiro disuasorio da rúa este é un segundo paso para mellorar a calidade de vida das persoas que son habituais da zona ou son residentes”. Recentemente, e grazas á iniciativa do BNG, o concello arranxou o espazo de aparcamento da rúa Primavera situado entre o Carril das Hortas e o Carril das Flores e neste tramo permitiuse a circulación en doble sentido.
“O feito de que a rúa sexa residencial e non teña grandes aglomeracións de tráfico permite este desdoblamento e facilita a vida a veciñas e veciños” dixo Arroxo e fixo fincapé en que “neste momento hai persoas que para acceder aos seus garaxes, cando entran dende Fontiñas, teñen que dar un rodeo de máis de 1 quilómetro e con isto estamos incrementando o volume de tráfico en itinerancia na zona, cando poderían acceder directamente se este tramo da rúa fose de doble sentido”.
O voceiro do BNG-AA Rubén Arroxo explicou “se a rúa Primavera volve a ser de doble dirección, facilitaraselle a vida a veciños e veciñas e aliviarase o tráfico na vía máis saturada da cidade como é Fontiñas”. Os nacionalistas trasladarán esta proposta despois de conseguir que se amañara o aparcadoiro disuasorio desta rúa Primavera e que mellorou considerablemente as posibilidades de estacionar nesta zona de Lugo.