O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou a mostra Maruja Mallo, Vinte Almas, que estará exposta ata o 3 de setembro na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo. Esta exposición forma parte da programación de actividades que o Executivo da Deputación ofrececon motivo de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu homenaxear polo Día das Artes Galegas, á artista lucense Maruja Mallo.
Campos Conde subliñou que “hoxe é un día de celebración para todos nós pois saldamos unha débeda histórica cunha das artistas máis importantes que viu nacer a nosa provincia. Maruja Mallo foi pioneira nunha forma de entender a vida e o arte e un modelo a seguir. Iniciadora do movemento das “sen sombreiro”, un grupo de mozas intelectuais que escandalizaron á sociedade por atreverse a saír á rúa sen esa prenda. Un exemplo de valentía, liberdade e defensa dos dereitos das mulleres, nun mundo de homes e nunha época de prohibicións e represión.”
A mostra conta cun total de 55 cadros, dos que 25 son pinturas de Maruja Mallo de distintas etapas ao longo da súa traxectoria artística, destacando as obras relacionadas cas máscaras, a auga e as arquitecturas minerais. A exposición acolle obras de artistas que foron claves na vida e na produción da lucense como Pablo Picasso, Joan Miró, de compañeiros da Escola de Vallecas como Benjamín Palencia e Alberto Sánchez, así como artistas exiliados galegos como Eugenio Granell e Luís Seoane.
Maruja Mallo, Vinte Almas está composta por ilustracións, cartas, catálogos de exposicións ou escritos, entre os que destaca o acta da bolsa que lle concedeu a Deputación entre 1926 e 1929, ademais de fotografías como o negativo orixinal de Maruja Mallo co poeta chileno Pablo Neruda que axudan a entender un pouco mellor a vida e obra da lucense. Na exposición tamén recupérase unha entrevista de televisión que lle fixo Joaquín Soler Serrano para o programa A fondo na que fala das súas experiencias e vivencias.
A exposición compleméntase coa achega de catro proxectos de artistas contemporáneos, todos eles nados en Viveiro. Son Montse Rego, Renata Otero, David Catá e Félix Fernández coa su interpretación sonora-musical “20 cancións para Maruja Mallo”.
Maruja Mallo naceu en Viveiro, en 1902, co nome de Ana María Gómez González e no seo dunha familia de boa posición. Xa moza, trasladouse a Madrid, onde mantivo relación con artistas como Margarita Manso, María Zambrano e Rafael Alberti. Durante a década de 1920 traballou para numerosas publicacións literarias e realizou portadas de varios libros, así como exposicións. En 1932 viaxou a París, onde entrou en contacto co surrealismo (coñeceu a Max Ernst, René Magritte, Joan Miró ou Giorgio de Chirico, entre outros), e participou en parladoiros con André Breton e Paul Éluard. Dende ese momento a súa pintura cambia radicalmente, influenciada polo surrealismo.
En 1937, debido á Guerra Civil que se estaba vivindo en España, viaxa a América, onde pasará o seu exilio en Arxentina e Estados Unidos. Regresou a España en 1962, onde realizou varias exposicións. En 1982 recibe a Medalla de ouro das Belas Artes, concedida polo Ministerio de Cultura. Finou en Madrid en 1995, a idade de 93 anos.