A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participou este sábado nos actos de homenaxe a Pilar García Negro, organizados pola Asociación de Escritores Galegos e Galegas (AELG), coa colaboración do Concello nesta edición, entre outras institucións.
A celebración, á que tamén asistiu o presidente e a secretaria deste colectivo, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas, respectivamente; membros da Corporación, así como a Deputada de Cultura, Pilar Porto, entre outras autoridades, arrincaron na Praza de Ferrol, onde a homenaxeada xogaba de nena e ía ao colexio, co descubrimento dun monolito e a plantación dun magnolio.
García Negro amosouse orgullosa por este agasallo e compartiu as súas vivencias en Lugo de cando era cativa. O monolito, esculpido por Xavier Quijada, reza o seguinte, Lugo: Cabo do Miño, presidente dos ríos galegos (Carvalho Calero dixit). Cidade cinxida pola Muralla, sinal da nosa historia e do noso futuro. Na luz inextinguíbel de Rosalía de Castro. No eco da música de Xoán Montes. Sempre en galego. Sempre en Galiza.