Coñecín a Xaquín de Roca na ermida do Santo Alberte de Parga, que Manuel María versificou e cantou A Quenlla. Porque naquela paisaxe e ambiente de paz e natureza, Xermolos celebrou numerosos actos de honra a chairegos destacados e entrañables. E alí vin e logo coñecín, e estimei e admirei, un home que se presentou como crego nado naquelas terras, que volvía a elas para participar naquelas homenaxes a xentes merecentes de recoñecemento.
Souben logo que era (o último?) un dos cregos especiais que os chairegos mandamos a Ferrol nos anos sesenta (Chao Rego, García Cendán, Anxo Currás… e Xaquín de Roca) para conquistar corazóns, e demostrar que a Igrexa bimilenaria podía “aggiornarse” para acomodarse a tempos e xentes, converténdose en servidora dos máis humildes; dos máis necesitados.
Con Xaquín progresei axeitadamente en coñecemento, especialmente a través dos luminosos, humanos, fondos, evanxélicos artigos cos que de cando en cando honra a Galicia Digital, para falar especialmente do humano (co prisma do divino, claro)… do humano que sofre de pequeno ou de vello, preso ou en liberdade, acompañado ou en orfandade solitaria… Sempre o ser humano por riba de todo o demais. Sempre o home, por mellor achegarse (servir) a Deus.
Cando me falaron dun grupo de persoas –amigos- que querían render homenaxe a Xaquín polos seus primeiros oitenta anos, souben que tiña que aportar o que eu soubera, non só para recoñecer e agradecer o monumental labor realizado, senón tamén como expectativa, arelanza, esixencia polo que aínda imos recibir –quizás un pouco de egoísmo pola nosa parte sexa natural- deste home potentemente activo, combatente en todos os frontes, armado coas forzas da razón e da fe, do que no libro que vimos de publicar ofrecemos un caleidoscopio de visións; unha talla de moitas das súas innumerables facetas de diamantina claridade e firmeza, para dicirlle ao mundo como vemos os seus amigos a Xaquín de Roca.
E este libro titúlase GANDUXANDO VIDAS, para reflectir o que Xaquín fai e fixo toda a súa vida.
No dicionario da R.A.G., o GANDUXO é a “costura de puntadas longas feitas nunha tea antes da costura definitiva”, pero para Xaquín resulta ser moito máis. Na súa especial visión da vida, no seu traballo interminable, da súa dedicación permanente non fai outra cousa que coser, tecer, peneirar, cribar, organizar, relacionar, conectar, sintonizar, harmonizar, irmandar, igualar, namorar, agradar, agardar, agrandar, concentrar, contentar, pacificar, tranquilizar, formar, informar, falar, amar, servir… todo iso, xunto, para el –e polo tanto para todos nós- é GANDUXAR. Por iso coidamos que é un (o) GANDUXADOR DE VIDAS.
Leva neste labor oitenta anos… Por moitos anos, Xaquín!. E a seguir, que hai moito que facer, e os ganduxadores sodes moi poucos. A seguir, amigo, que nos fas falla. E este libro – no que só colaboro en aglutinar tantos entusiasmos, tantos agradecementos, tanta fe nun home que vive para os demais – non é máis que unha mínima constancia do que temos recibido (do que aínda esperamos / precisamos recibir ) de ti.