Presentación do Arde Lucus MMXVII que desenvolverá máis de 300 actividades

Concello de Lugo e Deputación presentan o programa do Arde Lucus MMXVII. A festividade, que conmemora o pasado castrexo-romano da cidade, acaba de ser galardonada, no seu 16 aniversario, co nomeamento de Festa de Interese Turístico, contando xa co mesmo recoñecemento a nivel galego, ambos en tempo récord, o que supón “un fito na historia da cidade”. Así o relataba a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, esta mañá no acto de presentación do programa, no que estivo acompañada de Carmen Basadre, edil de Cultura no Concello de Lugo e Darío Campos Conde, presidente da Deputación, a outra entidade pública colaboradora nestas festas.

Nesta liña tamén insistiu Darío Campos, quen agradeceu a aposta da veciñanza luguesa, asociacións e Concello polo Arde Lvcvs, “unha cita moi importante para lugo polo retorno económico que supón (ao redor de 12 millóns de euros). Como Deputación temos que estar alí onde hai unha actividades que dinamice a economía”, subliñou o mandatario provincial.

Méndez López quixo destacar tamén “o traballo da concellería que non podería chegar a nada se non fora polas 18 asociacións lucenses que traballan cada día para facer desta festa un referente da recreación histórica”. Tal e como explicou a rexedora, o Arde Lvcvs arrincará o venres 30, ás 16:00 horas, coa apertura simbólica das portas da cidade, a cargo da Guardia Pretoriana, e rematará o domingo, ás 23:30 horas, na Praza de Santa María, co espectáculo sorpresa Habeatis Bona Devm.

Nesta 16ª edición dos festexos “amósase o potencial do deporte romano, entendido como espírito de superación e loita”, segundo relatou Méndez López. Algunha das actividades deportivas será a andaina polo adarve da Muralla, o venres 30, ás 22:15 horas dende a Praza de Pío XII, onde concurren os tres Bens Mundiais cos que conta Lugo. Constará dunha volta e o camiño irá iluminado por fachos encendidos que portará membros das asociacións. O límite é de 200 persoas, polo que é preciso inscribirse. Así mesmo, o venres ás 23:00 horas, celebrarase na explanada do Pavillón Municipal un torneo de Harpastvm, un deporte entre o fútbol e rugby. O espectáculo é gratuíto pero deberase retirarse invitación en www.entradaslugo.es

Pola súa banda, Basadre resumiu a programación que conta con máis de 300 actividades, agradecendo tamén ás diferentes asociacións participantes tanto de Lugo como de fóra da cidade, que suman un total de 44 e ás que lle cedeu todo o protagonismo da festa. A edil quixo destacar as novidades que terá o Arde Lucus este ano.

Non obstante, na programación deste ano mantéñense actividades de gran éxito, como o Circo Romano, que reúne a máis de 6.000 persoas cada edición e cuxas entradas se porán á venda nos vindeiros días en www.entradaslugo.es por un prezo de 3 euros; a loita dos gladiadores Ars Dimicandi, ou diferentes actuaciós teatrais na rúa de todas as compañías da cidade; así como vodas romanas ou castrexas, das que se realizan unhas 300 cada ano.

A Concelleira tamén quixo lembrar o desfile polas rúas da cidade dos colexios, que se vén celebrando o domingo. Este ano comezará antes, ás 11:00 horas dende San Marcos. O recorrido será máis longo e participarán 21 centros educativos do municipio. En canto ás actividades máis novidodas, un espectáculo de lume purificador, o cobro de impostos, unha Queima da Moemium completamente distinta á dos últimos anos, ou unha obra pedagóxica para os cativos de máis de 3 anos dentro do Miúdo Arde.

Ademais haberá unha moeda oficial castrexa, que se presentará esta mesma semana. O Concello destina preto de 260.000 euros a estas festas, que constitúen un escaparate de Lugo. Ademais, a entidade local repartiu 17.800 carteis e 45.000 programas, 25.000 en galego e o resto en castelán.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com