A Xunta de Galicia destinou 2.306.000 euros a axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas na provincia de Lugo, ao abeiro de varias convocatorias de subvencións xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
O IGVS, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, concedeu en concreto 404 subvencións a comunidades de propietarios e persoas físicas para actuacións de rehabilitación. Preto do 92% dos expedientes procederon do ámbito do Camiño de Santiago, do rural ou de contornos históricos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu a coñecer estes datos e subliñou que a Xunta está reforzando os programas para impulsar a rehabilitación porque “ten beneficios máis que evidentes: para os propietarios, que melloran a calidade da súa vivenda, e para a sociedade no seu conxunto xa que incide directamente na paisaxe e, no plano económico, actúa como factor dinamizador da construción e do emprego”.
Ao respecto, Balseiro destacou a especial repercusión que tiveron as propostas do IGVS para os ámbitos rurais, históricos e do Camiño de Santiago, que sumaron 371 expedientes e máis de 1,9 millóns de euros de investimento, basicamente en subvencións a fondo perdido para o remate de fachadas e cubertas e a rehabilitación e reconstrución en xeral de edificios e vivendas.
O delegado explicou que xa están en marcha novas convocatorias de axudas, como as de mellora de eficiencia enerxética, unha nova liña de traballo cofinanciada con fondos FEDER que permite aos concellos realizar actuacións en vivendas da súa propiedade con axudas da Xunta, e facilita a intervención directa do IGVS en vivendas de promoción pública da súa propiedade.