A Consellería de Infraestruturas e Vivenda continúa a avanzar no proxecto de mellora das comunicacións entre a Pobra de San Xiao e a urbanización Praias de Valdriz. O Goberno galego prevé destinar máis de medio millón de euros para a ampliación da ponte que cruza o río Neira e para a construción dunha senda peonil e ciclista contigua a estrada LU-621.
Esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (Axi) desprazáronse ata o espazo no que se desenvolverán as actuacións programadas pola administración autonómica para, unha vez definido o trazado e realizados os traballos topográficos e xeotécnicos, concretar in situ os terreos que terán que ser obxecto de cesión por parte do Concello.
A actuación prevista, “ademais dunha notable mellora na canalización do tráfico de entrada e saída para os veciños da urbanización de Valdriz, beneficiará aos residentes en Láncara e no municipio veciño de Baralla, xa que logo a estrada comunica todas estas localidades”, explica Balseiro.
Como novidade o proxecto incorporará a construción dunha rotonda que facilitará os tráficos unha vez superada a ponte. Por outro lado, o proxecto tamén prevé a modificación do trazado da estrada LU-621 para mellorar a seguridade viaria e confortabilidade no seu uso polos vehículos.
A futura senda peonil e ciclista inclúe tamén unha pasarela contigua á ponte, que permitirá a separación dos tráficos rodado e peonil, ademais de ampliar os carrís. Ademáis, dará continuidade as beirarrúas que a Xunta xa executou nun proxecto anterior.
Aistencia terapeútica a persoas con Alzhéimer
A Consellería de Política Social sufraga 10 prazas de asistencia terapeútica a persoas con alzhéimer nas Nogais. En consecuencia, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza par valorar este servizo co alcalde, Jesús Manuel Núñez, e a presidenta da Asociación de Familiares de Alzhéimer de Lugo (Afalu), Carmen Pena, a entidade encargada da prestación.
Para a adquisición deste servizo, a administración autonómica achegará o 80% do custe da praza e o 20% restantecorresponde á participación económica dos beneficiarios e beneficiarias do servizo. Cada usuario disporá de 45 horas mensuais de prestación, co obxectivo de atender ás persoas ante os primeiros síntomas de alzhéimer para previr e retrasar o avance da enfermidade.
Finalmente, o delegado territorial subliñou que “a atención ás persoas en situación de dependencia é unha prioridade do Goberno da Xunta” e considerou esencial “achegar os recursos asistenciais destinados á prevención, detección precoz ou tratamento aos concellos rurais, que presentan un maior índice de poboación envellecida”.