A rotura dunha tubaxe onte na rúa Ameneiro, nas inmediacións da antiga Residencia de Lugo, xerou unha gran fuga de auga que escorregou ata a avenida das Américas provocando unha gran riada.
A auga alertou aos veciños que informaron á Policía Local que se presentou nos primeiros minutos para avisar ao Servizo Municipal de Augas, que nese intre só contaba cun traballador. A fractura da rede, non só afectou á estrada con barro e pedras procedentes da beirarrúa e das cañerías, senón tamén ás vivendas que non puideron dispór de auga, nalgúns casos, ata tres horas máis tarde.
O Concello de Lugo tivo que chamar a unha empresa privada para solucionar este problema das tubaxes debido á falta de traballadores municipais.
O Partido Popular, tras este incidente, denuncia que o desmantelamento do Servizo Municipal de Augas provoque retrasos e sobrecustes na reparación das fugas que se rexistran na rede de abastecemento. O concelleiro popular, Antonio Ameijide, pregúntase en que mans está a cidadanía, e mostrou a súa sorpresa ante o descuberto que mostrou o servizo municipal que se encarga do mantemento da rede.
O popular Antonio Ameijide pide explicacións ao goberno socialista dos motivos polos que só había un operario para cubrir as incidencias matizando que “durante 1 semana, de cada 3, o servizo só ten un operario en turno de tarde”.
Neste senso, o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez afirmou esta mañá que o Concello de Lugo, actuou de maneira rápida ante este incidente, ao igual que a Policía Local e asegurou que entra dentro da normalidade que só haxa un traballador no servizo, pois “para arreglar una cañería non fai falta máis xente. Este foi un caso excepcional”.