A agrupación municipal Lugonovo levará ao próximo Pleno unha proposición para solicitar a adhesión do Concello á Declaración de Sevilla; un tratado co que as cidades asinantes amosan o seu compromiso firme en prol da Economía Circular.
O documento, auspiciado o pasado mes de marzo dende a Federación Española de Municipios e Provincias, supón, segundo os edís e a edil da formación, unha nova ferramenta para pular a sustentabilidade e as políticas verdes.
Fernández Rocha, voceiro de Lugonovo, aseguraba que os gobernos locais xogan un importante papel no impulso das políticas verdes pola súa proximidade á cidadanía.
“Subscribir a Declaración significa apostar por un novo modelo de desenvolvemento urbano, sostible e inclusivo, capaz de diminuír o impacto ambiental e climático que o patrón actual ten sobre a saúde das persoas. Estamos a falar de que a contaminación atmosférica supón unha auténtica ameaza para o planeta que, segundo datos da OMS, só en 2012, ocasionou 7 millóns de mortes”.
“A nosa proposta pretende propiciar un exercicio de responsabilidade para que, dende o ámbito institucional, se poñan en marcha estratexias que favorezan o vertido cero, a reciclaxe, a redución de desperdicios alimentarios e mesmo a reutilización e o ecodiseño”, subliña o voceiro.