A Xunta presenta o proxecto de ordenación para a reserva de caza dos Ancares

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu hoxe a reunión da xunta consultiva da Reserva Nacional de Caza dos Ancares, na que se deu a coñecer o proxecto de ordenación cinexética elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para o período 2017-2022.

A xuntanza tamén serviu para dar conta das actuacións realizadas ao longo do ano pasado e as previstas para este exercicio, que suman un investimento de 56.300 euros por parte da Consellería, así como para revisar a actividade cinexética rexistrada na reserva.

A xunta consultiva da Reserva Nacional de Caza dos Ancares está presidida polo delegado territorial e integrada por representantes de distintos departamentos da administración autonómica, da Deputación e do Concello de Cervantes, así como dos propietarios dos montes -privados e comunais-, da Federación de Caza, de organizacións relacionadas coa defensa e conservación da natureza, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo.

O proxecto de ordenación cinexética da reserva para o próximo quinquenio establece a proposta de xestión para cada unha das especies cinexéticas en base ao estado actual das respectivas poboacións. Unha vez estudado este aspecto, decidiuse continuar outorgando permisos para a caza de rebezo, xabaril e perdiz roxa, coas restricións previstas tanto de cota anual como de modalidade ou pezas por permiso. Asemade, estudarase a posibilidade de levar a cabo de xeito puntual controis da poboación de lobos (caza por danos) para reducir a presión sobre as especies cinexéticas e sobre a cabana gandeira.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com